COLECTIVO EXPRESIONS


O COLECTIVO EXPRESIONS EXPON NA SALA TOXOS E FRORES DE FERROL - GALIZA
(DO 15 DE SETEMBRO AO 6 DE OUTUBRO 2008)
EXPRESIÓNS SEN FRONTEIRAS

A arte non coñece camiños, cidades, mares nin océanos; a arte só coñece a forma de expresión das distintas disciplinas co que os artistas intentan expresar os seus sentimentos afrontando un mundo propio de creación.
Isto é o que pretende o Colectivo Expresións, grupo formado por artistas galegos e portugueses, que realizan distintas formas de expresión plástica, mais que están unidos por esa idea da arte como medio de expresión e de comunicación, ademais de establecer pontes de encontro, de intercambios de ideas e traballos entre artistas da Galiza e de Portugal. Países diferentes, mais que teñen culturas achegadas e puntos de coincidencia, e que queren mostrar os seus diferentes traballos para enriquecemento cultural e artístico dos dous países, das súas cidades, vilas e pobos.

O Colectivo Expresións, xa ven funcionando dende fai varios anos, con algunha nova incorporación e con algunha baixa dos seus membros, mais xa ten recorrido cidades e vilas da Galiza e de Portugal. Así poderíamos destacar as mostras en : Concello de Oroso, Ferrol, Verín, Lugo, Almada(Portugal), Lisboa,A Coruña, Tui, O Porriño, como a participación en certames de arte nacionais e internacionais, tales como : Góis Arte, Oroso Arte, Certame de S. Jôao da Madeira, Encontro de artistas na Almada (Portugal), entre outros.
Agora quere volver con novas formas expresivas, con novas propostas, con novas iniciativas, mais cos mesmos principios e formulacións do comezo do Grupo, e nesta ocasión os artistas que forman parte e participan neste proxecto son :
FERNANDO MARTINS (Coimbra, Portugal): Coas súas sinfonías pictóricas musicais das cores e composicións.
OSCAR CORRAL (Santiago de Compostela): Coas fotos de luces e sombras tamizadas polas néboas de Compostela.
SABELA BAÑA (A Coruña): Coas xeometrías de liñas, planos e cores, que intensifican a expresión, os sentimentos e as reflexións.
NOLO SUAREZ (Santiago de Compostela): Coas reflexións pictóricas entorno os 4 elementos da vida, mesturando cores, materias e símbolos.
FRANCISCO PAULO (Alvoco da Serra, Portugal): Coa súa pinto-escultura sobre lenzos e outros materiais agromando toda a forza da estrutura compositiva.
BERTA ARES (Vilagarcía de Arousa): Coas transparencias, os xogos de luces e sombras que abren a un interior de sensacións.
ALFREDO CONSTELA (Ferrol): Co traballo preciso no debuxo e composición pictórica nas gamas de cores, o servizo das ideas e reflexións.
DELI SANCHEZ (Noia): Coas pinturas das paisaxes vivas, intensificando a súa expresión na forza das tonalidades das cores e das materias.
SANTIAGO VAZ (Baiona): A través da súa escultura e utilizando as madeiras nobres do Pais lévanos a un mundo de inquietudes marcado de formas expresivas.

Así pois distintos artistas, distintas expresións plásticas, mais unhas ideas en común, tratar de comunicar e expresar ideas, reflexións e sentimentos, coa premisa de que a arte non ten fronteiras.

Un saúdo máxima da expresión persoal.

Xulio Villaverde
Coordinador da Expresións
Comisario de Exposicións

Sem comentários: